O deseño ecolóxico e de hábitats humanos sustentables converteuse nunha ferramenta imprescindible para encarar as emerxencias climática, enerxética, económica e social que vivimos na actualidade. Axudándonos a desenvolver as nosas vidas e cubrir as nosas necesidades a través de modelos máis eficientes, creativos e respectuosos coa contorna.
Anos de formación e experiencia como deseñador en permacultura permitíronme achegar aos meus clientes propostas profesionais que nos faciliten abordar múltiples necesidades de deseño desde perspectivas holísticas e sustentables. Desde propostas básicas para elementos concretos como xardíns, hortas ou estanques, ata proxectos integrais para o deseño de leiras familiares e produtivas, centros de ecoloxía ou espazos públicos e educativos.
Desde as primeiras conversacións ata a elaboración dun plan mestre final, en todos os casos, a miña responsabilidade profesional sempre pasa por entender as necesidades reais dos clientes, definir as estratexias máis adecuadas para cada caso, asegurar o benestar económico do proxecto e fomentar o compromiso coa rexeneración eco-social.
En xeral podemos dicir que a través da permacultura podemos deseñalo case todo, desde sistemas naturais e produtivos, ata lugares destinados ao turismo e outras actividades profesionais, pasando por espazos de uso público e educativo.
Desenvolvo deseños enfocados en xardíns, leiras e espazos naturais de maiores dimensións, abordando necesidades concretas como zonas de horta, cultivos de aromáticas, bosques comestibles e outros elementos produtivos e paisaxísticos.
Realizo deseños integrais que inclúan tamén xestión da auga, estruturas, enerxías, animais ou espazos comunitarios. Enfocando estes deseños tanto ao sector privado, leiras familiares ou emprendementos profesionais, como ao sector público, leiras demostrativas ou espazos de lecer baseados na ecoloxía.
Cada vez son máis os centros educativos que recoñecen o inmenso potencial que ten o contacto coa natureza para un pleno desenvolvemento da infancia.
Ante a emerxente demanda de contornas de aprendizaxe máis humanas e ecolóxicas, os deseñadores en permacultura estamos a asumir un importante labor no desenvolvemento de proxectos de re-naturalización daqueles espazos en que nenos e nenas desenvolven as primeiras etapas de aprendizaxe e crecemento.
Actualmente aplicamos as ferramentas e principios permaculturais para abordar deseños que faciliten, tanto a nenos como mozos, espazos vivos e creativos nos que a infancia e a adolescencia accedan a modelos de aprendizaxe significativos a través de propostas máis respectuosas, orgánicas e vivenciais.
Proxectos de planificación integral para a creación de espazos onde os seres humanos poidan desenvolver modelos de vida colectiva cubrindo as súas necesidades básicas de forma máis autosuficiente e ecolóxica.
Para o desenvolvemento holístico destes proxectos trabállase sobre as esferas: ecolóxica, económica, social e visión do mundo. Abordando factores esenciais como a produción orgánica de alimentos, bioconstrución, autoXestión enerxética, ferramentas de economía social, mellora da vida comunitaria e benestar integral de todos os habitantes.
Esta perspectiva de deseño é aplicable tamén a experiencias de co-housing, ecobarrios, urbanizacións e calquera outra experiencia na que máis dunha persoa ou núcleo familiar pretendan convivir en harmonía coa natureza.
Realizo deseños técnicos para biopiscinas, estanques e outros corpos de auga, así como sistemas de depuración biolóxica de augas residuais e sistemas de captación, almacenamento e reaproveitamento de auga de choiva.
O uso dos principios e estratexias da permacultura para abordar o deseño destes elementos de auga permítenos multiplicar os seus beneficios a nivel ecolóxico, produtivo, paisaxístico e de benestar. Sendo os obxectivos principais para estes deseños a xestión sustentable dos recursos hídricos, aforro económico fronte a sistemas convencionais, integración na contorna e o apoio á biodiversidade do lugar.
As biopiscinas, do mesmo xeito que unha piscina convencional, son espazos para o uso recreativo das persoas, pero nos que o tratamento da auga realízase exclusivamente a través de procesos biolóxicos. Para isto deseñamos estes sistemas atendendo a diferentes compoñentes técnicos de bombeo e recirculación en cooperación con elementos orgánicos como substratos e plantas, as cales realizan as funcións de depuración da auga.
O deseño dunha biopiscina poden seguir modelos máis arquitectónicos acordes coa tipoloxía construtiva do lugar ou modelos máis paisaxísticos que se integren na contorna como un pequeno lago de aspecto natural. En todos os casos estaremos a falar de espazos de baño con auga viva, limpa e cristalina, libre de químicos e con numerosos beneficios para a saúde das persoas e da contorna.
Baixo os mesmos parámetros técnico-biolóxicos realizo proxectos para o deseño de estanques, fervenzas, arroios e xardíns acuáticos. Estes elementos de auga poden ser un excelente complemento paisaxístico para o noso lugar, pero ademais ofrécennos moitos outros servizos como apoio á biodiversidade e aumento da polinización, regulación do clima, espazos de aprendizaxe ou mesmo oportunidades para a acuicultura vexetal e animal.
En xeral podemos dicir que en calquera espazo natural ou produtivo que se prece deberiamos contar con polo menos un corpo de auga, xa sexa biopiscina, estanque ou calquera outro.
Realizo deseños para a fitodepuración de augas residuais grises e negras a pequena escala, enfocados tanto a vivendas familiares como proxectos de ecoloxía ou espazos de turismo.
Estes sistemas, deseñados xeralmente baixo o esquema de fluxo sub-superficial horizontal representan unha alternativa eficiente e ecolóxica para a óptima xestión deste tipo de residuos, asegurando uns elevados estándares de depuración, máxima integración na paisaxe e unha solución económica e sustentable.
A captación, almacenamento e o uso posterior da auga de choiva é un recurso cada vez máis esencial para a sustentabilidade de calquera espazo de hábitat.
A instalación destes sistemas ofrécennos autonomía, economía e salubridade fronte ao uso de augas de pozo ou de rede municipal, representando tamén unha ferramenta de resiliencia ante cortes, restricións e focos de contaminación.
Realizo os deseños e a elección dos sistemas de almacenamento máis adecuados a partir do cálculo da capacidade de captación do lugar en relación a futura demanda de auga, tanto para usos en xardinería como para usos domésticos, asegurando a dispoñibilidade de auga e a efectividade das instalacións.
Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.
As cookie estrictamente necesaria debe estar activadas en todo momento para que poidamos gardar as túas preferencias para a configuración de cookies.
Se desactivas esta cookie, non poderemos gardar as túas preferencias. Isto significa que cada vez que visites este sitio web terás que activar ou desactivar as cookies de novo.
Este sitio web usa Google Analytics para recoller información anónima, como o número de visitantes do sitio e as páxinas máis populares.Ter esta cookie activada axúdanos a mellorar o noso sitio web.
Activa primeiro as cookies estrictamente necesarias para que poidamos gardar as túas preferencias.
Máis información sobre a nosa Política de cookies